Activos. Conxunto de egresados que, no momento de realización da entrevista, declaran ter un emprego por conta propia ou allea ou, de non facelo, declaran estar a buscar traballo de forma activa.

Cociente de adecuación da ocupación. A CNO-11 herda da clasificación internacional CIUO-08 (Clasificación Internacional Uniforme de Ocupacións) unha estrutura xerárquica baseada no nivel de competencias requiridas para cada grupo ocupacional, distinguindo entre catro niveis, por orde crecente. O nivel de competencias defínese como unha medida da complexidade e diversidade das tarefas que se realizan nunha ocupación. Os niveis de competencias de cada ocupación asígnanse en función de distintos compoñentes: a natureza do traballo en relación coas tarefas que o caracterizan, o nivel de instrución formal necesaria para desempeñar as tarefas e a cantidade de formación no emprego ou a experiencia previa que se consideran necesarias. As ocupacións do nivel de competencias 1 xeralmente requiren a realización de tarefas físicas manuais, simples e rutineiras. Con respecto ao nivel de educación requirido, poderíase esixir o ciclo completo de educación primaria ou o primeiro ciclo de educación básica. As ocupacións do nivel de competencias 2 requiren tarefas como operar maquinaria e equipos electrónicos, conducir vehículos, manter e reparar equipos eléctricos e mecánicos, e manexar e almacenar información. Neste nivel requírense competencias como a comprensión lectora ou a redacción de informes, ademais dun alto nivel de destreza manual. O nivel de competencia 2, xeralmente, obtense co primeiro ciclo de educación secundaria, que pode incluír algún elemento de formación profesional especializada. As ocupacións do nivel de competencias 3 implican o desempeño de tarefas técnicas e prácticas complexas que requiren un conxunto de coñecementos específicos nunha área especializada. En xeral, estas ocupacións requiren un alto nivel de educación: as habilidades requiridas xeralmente obtéñense despois de completar os estudos nunha institución de educación superior, logo de completar a escola secundaria, por un período de 1 a 3 anos. Finalmente, as ocupacións do nivel de competencia 4 poden requirir o desempeño de tarefas que requiran a toma de decisións e a resolución de problemas complexos utilizando amplos coñecementos teóricos e prácticos nunha área. As tarefas xeralmente inclúen análises e investigación, transmisión de coñecemento, deseño de estruturas ou maquinaria. Con respecto á formación requirida, as competencias deste nivel adoitan obterse tras a finalización do nivel superior de educación e a obtención dun diploma ou título superior. De feito, en moitos casos, as cualificacións formais son un requisito para acceder a ocupacións deste nivel de competencias. Os grandes grupos ocupacionais 1, 2 e 3 da CNO-11 son os que requiren os niveis de competencias máis altos e que, en xeral, requiren un nivel alto ou moi alto de instrución (os niveis 3 e 4 segundo a clasificación de competencias antes exposta). Por iso, podemos medir o grao de adecuación profesional dos egresados como o cociente entre o total de egresados ocupados nos grupos ocupacionais 1, 2 e 3 da CNO-11 e o total de egresados ocupados.

Cohorte. Aínda que habitualmente nos referimos a unha cohorte de estudantes como o conxunto de alumnos que comeza os seus estudos nun curso determinado, aquí tomamos como referencia o curso en que un conxunto de estudantes finaliza os seus estudos. Por tanto, a cohorte do curso 20-21, por exemplo, refírese ao conxunto de alumnos que finalizaron os seus estudos durante ese curso.

Inactivos. Egresados que, no momento de realización da entrevista, non tiñan emprego nin o buscaban activamente.

Ocupados. Egresados que, no momento da enquisa, declaran ter un traballo por conta allea ou exercer unha actividade por conta propia.

Parados. Egresados que declararon na enquisa non ter, pero están a buscar activamente, un emprego.

Taxa de actividade. Cociente entre o total de egresados enquisados activos e o total de egresados enquisados.

Taxa de emprego. Cociente entre o total de egresados enquisados ocupados e o total de egresados enquisados.

Taxa de paro. Cociente entre o total de egresados enquisados en paro e o total de egresados enquisados activos.